Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Antes

Houbo un tempo, moi ao comezo de todo. Soía subir unha entrada a este blog a diario, ou case. Soía ter quen me lera. Soía ser un pouco máis salvaxe e divertida. Soía ser máis nova, como di Miley Cyrus na súa canción.  Pero pasou o tempo, a vida comezou a tornarse máis adulta, máis agobiante e aburrida. Máis de declaración da renda, de taxas da auga e do lixo. Máis de afogo. Da fugacidade voraz do calendario.Da friaxe. De mirar ben as ofertas do súper e de menos xenebra. Eu convertínme, pouco a pouco, nunha persoa máis vella, máis agobiada, máis frustrada. Monótona. Aburrida. Todas as promesas foron mudando noutra cousa, pesada e gris, e en caixas e caixas de pequenas pílulas brancas. Se as colocase unha detrás doutra en ringleira, é pouco probable que deran a volta completa á Terra. Pero si poderían encher, alomenos, un cuarto da miña casa. Non un demasiado grande, non un dos máis pequenos. Do chan ao teito. Caerían -como o chorro esvaradío de grao ao retirar a portela dun silo, co...

Medrar árbore soa

 Ás veces, hai camiños que se nos abren sós. Son froito da unión de múltiples e afortunadas casualidades, de fracasos repetidos unha e outra vez. Da falta ou do exceso de reflexión, do pensamento obsesivo, das compulsións e da tan necesaria benevolencia dos ventos. Son unha mestura imprecisa pero efectiva (a fin de contas) de todo o que fomos facendo e evitando. Non medramos árbores soas, sobrevivimos no bosque. No máis profundo del. Leo moito, ultimamente. Paso horas lendo, corrixindo, revisando, asesorando, acompañando, reescribindo, deseñando. Leo moitos textos de moitos outros que escriben sobre outros tantos temas diferentes. Leo moitos xéneros distintos. Corrixo, edito, asesoro, reviso, reescribo. Déitome pensando en se tal ou cal texto tén unha dilatadísima marxe de mellora, aínda. Penso se serei capaz de expremer ese potencial. Penso en porqué non o fixen antes. Penso no que deixei de facer ou de querer, por non saber recoñecelo a tempo.  Penso no porqué, en todos os p...

Onde as augas corren

 Case un ano sen escribir aquí. Non me importa. Seguramente, tampouco a quen poida ler o que este blog recolle. Non hai nada excepcional entre as liñas nin en quen as constrúe. Hoxe quedo so cun pensamento e é que si, que a vida era outra cousa. Que non é unha loita constante. Custa ser capaz de entedela dese xeito cando o único que intentas é sobrevivir cada día. Pero o tempo pasa, os anos pasan e a perspectiva axúdanos a entender, a pensar de novo, a calibrar. A facer limpeza, desfacéndonos de todo o entullo, e conservar con agarimo prendas, memoria, espazos. Case un ano. E non cambiou case nada aquí: días de sol, días de treboada. Fóra todo é confuso, gris, histérico, cru e cruel. Dunha violencia insoportable.  Canto, cantísimo frío. Hoxe soa.- Breather , de Tanya Tagaq

Mentar a bicha

 E así foi. De tanto chamar por ela, acabou chegando. Unha semana e dous días con síntomas recoñecibles (coido que xa antes dese período había algo pululando polo organismo) da covid-19. A canseira mental, máis que a física, é imponderable (un 9/10?). Nin ler, nin escribir, nin nada (ata hoxe, e dende as festas de Nadal, sen sentar á mesa diante do PC). Só durmir, durmir 12 horas ou máis.  Ver ás amizades, tanto tempo despois, tivo unha contrapartida. A ledicia nun mundo capitalista sempre é así: cotiza en bolsa, contrátase con miles de condicións redactadas en letra minúscula -case microscópica- que nunca lemos con detemento, hai que pagala. Nada sae gratis.  Así e todo, ampliei o meu catálogo. Rapei a noca.  Perdín peso, de novo. Dixéronme que me botaran de menos, moito, e que tiña un aspecto fantástico. Estiven de picnic na praia á hora do aperitivo cun Aperol-spritz  nun chiringo a pe de mar nunha enorme mesa de madeira de superficie retorta na que as copas ...

Pantone

Hai días como lousas.  Caen sobre nós con todo o seu peso, esmagándonos. Hai días nos que nin sequera son quen de imaxinar que demos pode ser iso da felicidade. Días-pantzer. Días-kalashnikov. En días como hoxe, só quero pechar forte, forte os ollos e os puños e explotar, arrasalo todo. Porque deixo de verlle o sentido ao cotián, ao esforzo constante por manter todo vivo, porque xa non me queda máis leña, máis combustible que queimar para que a maquinaria siga funcionando baixo mínimos, sequera. Son días-inanición. Días-formateo. Días-adeus. Un puntiño que escintila e se apaga, sen ruído. Pluff.  Pero, que máis ten?  Só un puntiño. Tan pequeno, tan breve, tan fugaz... Quen podería botalo en falta?  Hoxe soa.- Silence , de Dave Thomas Junior

Correr

  Hai días nos que quedar moi, moi quieta é a única forma de escapar. Hoxe soa.- Run, boy, run , de Woodkid

Hifas

Segundo o Dicionario da RAG, unha hifa é un "filamento microscópico pluricelular, cun ou dous núcleos por célula, simple ou ramificado, que forma parte do micelio dos fungos" . O meu subconsciente funciona ás veces así, como as hifas, como as raíces estendidas das árbores baixo o manto de terras e as follas secas, como a rede tensa de cores vibrantes das mulleres que danzan de mans dadas no cadro de Matisse. Asústame ver ata onde pode chegar a intuición.  Dóenme as costas, pero non é a miña dor habitual, non se sente de igual xeito. Cambiou. Sei que che doen tamén a ti, e moito. Que estás pasando por algo tan profundamente ferinte que o corpo resénteseche e deixa de sosterte, como unha columna crebada que ameaza con esboroarse. Doe tanto como para que esa intuición da túa dor chegue ata min e poida sentila fisicamente, agora e aquí. Espero que esteas ben, se les isto.  Hoxe soa.- New World , de Björk en Spotify

A trampa das redes

Dun tempo a esta parte, fun distanciándome dos social media .  Custoume uns cantos anos e unha boa manchea de desgustos, pero fíxeno. Como se sae dunha adicción, con recaídas e todo iso. Libereime pouco a pouco da tiranía dos likes, dos corazonciños, dos DMs, dos ding  e double checks,  de retransmitir a vida cotiá (que me visto, que xanto, que visito, que leo, que bebo, onde viaxo, onde estou ou con quen...), porque a miña vida é miña, simplemente. Miña e de quen a comparte a diario, en carne e óso (se estou ao ladiño) e de forma algo máis virtual (se a distancia se interpón). Pero sempre hai presencia, correos, voz, videochamadas, horas ao teléfono, felicitacións de aniversario. Parece unha afirmación sinxela de facer e de comprender, a de que "a miña vida é miña". Pero non o é:  os social media  modifican esa premisa ata volvela noutra cousa, nunha sorte de realidade paralela e deformada. Labran con outro gando. Convertéronse nun nonseique fedorento, nocivo...

Tempo

 Boto a ollada atrás un momento.  Dígome que quizais non estaría tan mal retomar isto de escribir con regularidade no blog, malia que  sexa unha ferramenta da prehistoria da internet. Ninguén le estas cousas... A quen lle poderían interesar?  Fago scroll no apartado de "comentarios" e leo canta, canta xente compartía este espazo comigo. Unha sala chea doutras vidas amáis da miña.  Dende 2007, Navicularia (e outros blogs antes deste, como "As incribles aventuras de Frida Kreutzer") foise enchendo e baleirando de todo e de todos. Algúns seguides perto, noutras plataformas ou en carne e óso, nas apps de mensaxería instantánea xornada tras xornada canda min, en vermús, en veráns ao sol e en calma, en xantares e sobremesas que se estenden felices ata a madrugada. Outros, no entanto, irrecuperables pola distancia (repartidos polo país, polo continente, polo planeta ou fóra del), ou os abismos insalvables abertos co paso do tempo. Por desleixo, por erro, por acerto, p...

Levamos en nós o bosque

 (a imaxe sae de aquí ) "I shut my eyes and all the world drops dead; I lift my lids and all is born again. (I think I made you up inside my head.)” Sylvia Plath   Levamos en nós o bosque: a extensión lonxincua das pólas e o profundo entrenzado das raíces- a voz olorosa do romeu salvaxe e da salvia nas crinas.   A súa vibrante luz azul.   Levámolo en nós: inza a nosa pel salgada de sementes, cóbrenos a boca de brións e os beizos, de pétalas brancas e follas que caen como unha fina choiva aportando mansa na superficie do corpo e a súa profecía.   Porque levamos no noso nome o nome do bosque, é el quen, con urxencia, nos reclama: xa só queda agora, espidas e sen compases, atravesar de mans dadas o seu linde e entrar sen medo nel. Hoxe sona.- "Sur le fil" , de Yann Tiersen

Inventario

Unha maldición habita con nós a casa e corre como pólvora acesa os cuartos  atravesa as portas e os corredores traspasando a nácara e os espellos. Está maldita e, para nós,  esa é a desgraza do sangue que se extingue a impureza no centro mesmo do lume os armarios cheos e abertos da roupa e a couza e os olores familiares. A casa vaise consumindo e poboa de sombra e pedras as fotografías as cartas atlánticas  os botes dourados dos mirabeles  o cepillo do pelo sobre a cómoda as cicatrices e as suturas a fenda en equilibrio e os hilváns o silencio forzado e os libros. Está maldita e, no seu desorde,  a caída chega cada día para rabuñarnos e a luz da tarde  brilla un intre só na louza nicada no alzadeiro na pequena cafeteira de porcelana encarnada sobre a mesa posta aínda no finísimo fío de sangue que mana entre os dentes. E hai un murmurio que vai medrando e revolve a herba  e corre en círculos entre o centeo verde  ata deitalo como un mar...
Flor Garduño E así son: a muller salvaxe que mora no profundo da floresta. As especies que me poboan adquiren formas tan diversas: os cadernos esborranchados a biblioteca do cuarto de arriba o exemplar da mesiña de noite algún instrumento por afinar de novo o invernadoiro aberto das glicinias as caixas de lata gastada en que fun gardando anacos de entradas de cine e de teatro álbums de fotografías vellas pequenos recortes de prensa sen data cunchas e area un reloxo de peto sen corda frases soltas en anacos de papel arrincado o folleto dunha viaxe ou dun museo pólas de lavanda bolígrafos coa tinta gastada carretes de fío e agullas madeira das mareas de inverno e pétalas secas de olor. As cicatrices. Vivimos todas na escuridade nunha frondosa luz azul intensa. Xa non teño -aquí- medo de nada: só de que alguén algún día me re-habite.
W. Hammershoi En  esas habitaciones oscuras donde vivo pesados días, con qué anhelo contemplo a veces las ventanas. -Cuándo se abrirá una de ellas y qué han de traerme-. Pero esa ventana no se encuentra, o yo no sé hallarla. Y quizás mejor sea así. Quizá esa luz fuese para mí otra tortura. Quién sabe cuántas cosas nuevas mostraría. K. Kavafis

Colossus (XIX)

Cargo nos ombreiros o peso do mundo. De tanto en tanto, salmodio as perdas- observo a dor e a ferida nos meus rasgos na codia do espello- asumo a culpa coa fronte baixa e batendo no peito coa man da carraxe. Os seres queridos que tanto me faltan o vacío que devora o peito, cadavre en pé aínda. Nai e Pai - e as texturas da cor verde e do aire. O río como unha ferida e os días que caen en min, un tras do outro,  como pedras.

Colossus (XVIII)

Pai ensinoume a non ter débedas a pedir sempre por favor e non vivir de prestado. A non mentir nin soportar a inxustiza ou a mentira a enxertar as árbores de froita coa súa navalla vella a recoller o mel das colmeas e a purgalas cando enferman a recuperar o enxamio que foxe. A non ter medo á escuridade nin ás trampas dos sentidos. A ler en alto na misa e a interpretar a nosa boa posición nos mapas. A lembrar cada noite que mañá é outro día para comezar de novo e que as constelacións non están fixas no ceo -Orión e todas as outras-. A ser independente, a tomar decisións asumindo as consecuencias a rectificar con humildade, se é necesario. A amar á familia e ao próximo como a min mesma. A apreciar o constante esforzo. A non deixarme levar polo olor a morte dos lirios nin dar carta branca á melancolía do mar en outono e do sargazo. A que non nos colla a treboada en campo aberto. A gardar sempre unha luz de pila nos caixóns ...

Colossus (XVII)

Abrir a pel e ulila como se ule a pel das mandarinas nas mans. (...) Hai un espazo en branco, un leve impassé no caderno e os ollos e a chuvia caen severos sobre nós con furia e con pena como ao ulir a pel das mandarinas na ansiedade do traxecto inverso E só hai que abrirlle así a pel, ves?, con mans compasivas- abrirlle a pel por completo- abrirlle a pel, sacrificándoa, dun golpe- abrirlle a pel- abrirlla- abrila. Citrus , A. Kantrowitz (2010)

...

Quizais sexa hora de facer balance. De batirme en retirada (máis e máis ao fondo). Xa só me quedan os libros, uns poucos cadernos sen usar e bolígrafos que vou gardando, de propaganda. Algún lápis co extremo roído. Anacos soltos de gomas de borrar de diferentes cores.  E este portátil. A miña vida nunha manchea de pendrives e cds. Estou rota. Benvidxs todxs ao grandísimo espectáculo da miña depresión. Hoxe soa.- Extreme Ways , de Moby

Colossus (XVI) -- Qu'en reste t'il?

Interior.Strandgade 30 W. Hammershoi Sentaremos unha fronte á outra nunha mesa calquera nun café ou nesta mesma onde  agora escribo de noite. A conversa comezará casual, falaremos sobre o tempo sobre o olor pesado e cotián do día a día o meu traballo, o teu "como é que te fixeches poeta?" engruñarei os ombreiros "son cousas que pasan" e un sorriso  prenderános nas bocas porque temos un sentido do humor tan parecido. Mirarémonos de fite en fite os ollos o nariz as orellas a forma da cara as enrugas a intersección das clavículas e os ombreiros as marxas as miñas marcas da varicela mentres me contas como celebrabas cunha torta de aniversario cada decembro (así durante oito anos) ata que aquela vidente che dixo que non facía sentido porque eu estaba morta e decidiches despedirte e non houbo máis velas que soprar. Recitarei toda a lista  de preguntas  que levo gardando na miña c...

Marjanne

Marjanne cultivaba as mellores prunas de Persia. Cun cesto de mirtos apañaba os froitos dourados voando dende as pólas máis altas - o sol. Entre as follas as pétalas explotaban e os gromos e a auga do pozo, tan fresca e limpa e a beizón da chuvia ás noites e a neve branca como as mans brancas de Marjanne, que cultivaba as máis olorosas prunas da roxa terra de Persia.