Avançar para o conteúdo principal

Antes

Houbo un tempo, moi ao comezo de todo.
Soía subir unha entrada a este blog a diario, ou case. Soía ter quen me lera. Soía ser un pouco máis salvaxe e divertida. Soía ser máis nova, como di Miley Cyrus na súa canción. 
Pero pasou o tempo, a vida comezou a tornarse máis adulta, máis agobiante e aburrida. Máis de declaración da renda, de taxas da auga e do lixo. Máis de afogo. Da fugacidade voraz do calendario.Da friaxe. De mirar ben as ofertas do súper e de menos xenebra. Eu convertínme, pouco a pouco, nunha persoa máis vella, máis agobiada, máis frustrada. Monótona. Aburrida.
Todas as promesas foron mudando noutra cousa, pesada e gris, e en caixas e caixas de pequenas pílulas brancas. Se as colocase unha detrás doutra en ringleira, é pouco probable que deran a volta completa á Terra. Pero si poderían encher, alomenos, un cuarto da miña casa. Non un demasiado grande, non un dos máis pequenos. Do chan ao teito. Caerían -como o chorro esvaradío de grao ao retirar a portela dun silo, como un torrente esbrancuxado de saraiba na treboada do final do verán- ao abrir a porta ou unha fiestra.
Aprendín, despois da dor toda, a non esperar nada. 
Aprendín da fractura e das fendas, das páxinas esgazadas, do desengano, da hemorraxia incesante nunha cama de hospital, da rabia, de que non sempre hai unha conclusión adecuada. Que hai situacións que quedan penduradas, inmóbiles e cabeza abaixo, irresolubles e irresolutas a pesar do paso dos anos. Que non hai unha conclusión clara para todo. Que non todo é IV-V-I, como na harmonía clásica. Fallei máis (moito máis) e mellor.

Aprendín tamén de todo o contrario. 

Soía subir unha entrada diaria a este blog, ou case. 
Soía escribir máis, vivir máis, sorrir máis e esquivar máis sinxelamente a frustración, o desacougo e a culpa.
Soía sentirme menos soa, aínda nas multitudes.
Soía ser máis salvaxe e máis divertida. 
Soía ser máis parecida ao que eu esperaba de min mesma.

Houbo un tempo, si, moi ao comezo de todo.

Antes.


Hoxe soa.- Used to be young, de Miley Cyrus






Comentários

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva!