Dun tempo a esta parte, fun distanciándome dos social media.
Custoume uns cantos anos e unha boa manchea de desgustos, pero fíxeno. Como se sae dunha adicción, con recaídas e todo iso. Libereime pouco a pouco da tiranía dos likes, dos corazonciños, dos DMs, dos ding e double checks, de retransmitir a vida cotiá (que me visto, que xanto, que visito, que leo, que bebo, onde viaxo, onde estou ou con quen...), porque a miña vida é miña, simplemente. Miña e de quen a comparte a diario, en carne e óso (se estou ao ladiño) e de forma algo máis virtual (se a distancia se interpón). Pero sempre hai presencia, correos, voz, videochamadas, horas ao teléfono, felicitacións de aniversario.
Parece unha afirmación sinxela de facer e de comprender, a de que "a miña vida é miña". Pero non o é: os social media modifican esa premisa ata volvela noutra cousa, nunha sorte de realidade paralela e deformada. Labran con outro gando.
Convertéronse nun nonseique fedorento, nocivo, tóxico, degradante. Nun pudridero de brilli-brilli e glamour fake onde imos caendo hipnotizadas na nosa cegueira, baixo os voos en círculo. Unha prea morta e ben morta movida por garabullos e fíos invisibles. O espello deformado e inhumano (lamentablemente) dunha sociedade que nos está quedando preciosa. Totalmente para enmarcar. Unha xoia da Coroa, un ovo de Fabergé na vitrina do cuarto de estar, a Novena Sinfonía Trap en Sol# Maior para autotune e prebase.
Deixámonos vencer ou, mellor dito, déixome vencer (como inxenua e old-fashioned idealista) porque vou vella e estou un pouco farta de todo o que queren venderme cada minuto de cada hora de cada día. Farta de conceptos e propostas sobeteadas, baleiradas de significado, terxiversadas ou modificadas de forma aleatoria e sucia en función dos intereses particulares de cadaquén. Farta de plantar cara e chupar todas as hostias. Farta de minifundismos, de quen pasa a man polo lombo mentres co picaxeos atravesa as capas de tecido mol ata o fígado para sangrarme ata a morte. Farta de tantas cousas que esta bulimia virtual, a trampa das redes, xa non é posible de conter neste corpo.
E así comeza a debacle.
De todas formas, non figurar en ningunha parte tampouco é unha extraordinarísima perda. Sen voz nin voto, nin etiquetas, nin 1000000K followers, nin polgares arriba. Sen nada que ofrecer de nós que alimente a voraxe.
E canto silencio, de socate. Xa apenas queda un renxer de dentes apertados, un murmurio indescifrable e distorsionado polo efecto doppler, o leve mareo da montaña rusa, a resaca dunha mala bebedela.
Que tanta paz leven como descanso deixan, di o refraneiro.
Canto silencio hai no dereito ao esquecemento... E que alivio.
Eu apéome.
Que vos fodan.
Hoxe soa.- Fuck the pain away, de Peaches

Comentários