Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

A mostrar mensagens de setembro, 2008

Meme sobre o último día

A linda Mer envíame o recado de facer un meme sobre o meu último día. Como hoxe é o meu último día de vacacións, pois... por que non prestarme á brincadeira? Aló vou! Que canción che gustaría escoitar? Supoño que preferiría o silenzo, escoitar o vento, os paxaros, a Vida arredor. Que mellor canción que esa. A que libro lle botarías un ollo? Ao "Cantar dos Cantares". Con quen che gustaría falar? Con quen pasara polo camiño. Que che gustaría comer? Non perdería o tempo en comer. Que farías e que che queda pendente por facer? Pasaría unhas horas escribindo, outras tocando o violino. Supoño que o único pendente que me queda por facer é ter un fillo, pero sería moi dooroso ter que abandonalo. Pois este é o meu meme. O último día non debe sentirse como perda, senon como o necesario tránsito cara á Nada. Gostaría convidar a quen queira a facer o meme, ou alomenos a plantexarse as preguntas que o compoñen. Sempre é interesante saber como nos enfrontamos á nosa propia existencia e ó ...

Ventanas

Deixo que as follas secas deste doce outono cheguen ás miñas ventanas. Deixo a ventana aberta e a luz entra no cuarto. E este aire fresco e lindo que acariña todo. Que ule a mirra e a lavanda e a beixo e se mestura coa caloriña do sol que me envolve, que entra nos meus ollos e nas miñas fosas nasais e me enche de ledicia mol e tenra. Que me trae de novo á vida no espazo infinito do teu abrazo. Hoxe sona.- Piece of my heart , de Janis Joplin

Terrible espera

Canto queda para o abrazo que me alivie e o beixo que me calme a sede, quen o sabe. Miro como sube e baixa o meu peito coa respiración e tómome o pulso. Acariño o meu ventre estéril co dedo índice, ermo gorento, suspirando. Fago cábalas co calendario. Mais...

Felinas

Quedei pensando na nosa conversa de onte, sobretodo na frase esa que dixeches de que seriamos dúas gatas na casa se me traían a Frida . Pensei en se terías razón niso de que quizais teño un carácter arisco e ciumento; que son algo mimeira só cando me apetece, como o gato. Camina solo y sabe lo que quiere , dí Neruda. E hoxe decátome de que é certo: sei o que quero, e o que me pertence, perténceme. Debuxo as fronteiras do meu imperio e deféndoas cando é necesario. Pero sei relacionarme con outros felinos, coma tí, gardando as distancias aínda cando me miras con ollos curiosos e desconfiados, sorríndome con esa maldita boca pola que tanto devezo. O que..., por certo, agora, por se non caíras na conta, xa sabes.

Obrigada

[ O vampiro , de E. Munch] Non hai nada peor que a nostalxia . Ou quizais si.

Diferenciando

Un nunca sabe que oficio novo pode aprender falando cun profesional, sexa cal sexa o seu ámbito de traballo. Eu hoxe aprendín que as pulgas tamén teñen que ser sexadas; que hai PULGAS e PULGOS. O método do sexador, ademáis, require (digamos) certo talento musical, porque o PULGO responde só cando se lle asubía. Transcribo aquí a conversa da miña investigación de campo entre o individuo "A" ( o experto sexador de pulgas) e eu (que me denominarei "B"...): A.- Moito me doe esta perna... Non sei que tén... B.- Será unha pulga? A.- Como?! B.- Que se terás unha pulga que che está picando... ( a perspicacia é fundamental para o antropólogo e o investigador ...). A.-En todo caso, será un PULGO ( aquí introdúcese o novo factor de estudo ...) B.-( con auténtica sorpresa ) UN PULGO??!! Pero tamén hai machos? A.- Home, e logo? B.- E iso, como se lle mira? A.- Asubiando. B.-( risas dos demáis individuos que presencian a escea ...)¿?¿?¿?¿?¿? A.-...Se é pulgo, atende.

Calcetíns

Deixo a roupa mollada tendida, pendurada. As pingas caen dela como bágoas de cores, con olor a suavizante e a deterxente. O ritual é sempre o mesmo: coller a prenda, sacudila con forza para que non queden moitas enrugas, ... Espero que os pementos non pinguen e se vaian dos calcetíns á tixola. Hoxe sona.- Under the brigde , dos Red Hot Chili Peppers Under the bridge downtown Is where I drew some blood Under the bridge downtown I could not get enough Under the bridge downtown Forgot about my love Under the bridge downtown I gave my life away

Saber que te vas

Quedo no xardín. Aceno ca man mentres o Sol acariña a miña faciana leda. Non importa que marches. Porque agora sei que eu sigo quedando aquí, que non son unha cuncha vacía se non estás ó meu lado. Porque agora eu son eu. No meu xardín de Sol no que non se atreve xa a entrar o inverno.

Saber que virás

Espero no xardín, bañada de Sol. Para que os meus ollos brillen cando me mires acougado sorrindo. Para que atopes a tépeda caloriña na miña pel, esa da que tanto gostas. Para que o inverno, xa tan perto, decida esperar máis para entrar na miña casa.

Reatopando os espazos

Agora que todo é silencio na casa, comezo a espertar. Reatopo espazos que cría perdidos para sempre. Reatopo a linda certeza de ser dona deste minifeudo que me pertence, ou quizais non, quizais sexa ó revés: eu perténzolle a el. Reatopo os espazos e vounos enchendo de versos e de perfumes, de luces e sombras,... Agora só me falta a compañía adecuada, non digo perfecta, para amosarlle todo este miniuniverso. E para ir pintando as paredes todas de risas, acougada porque o trebón xa pasou.

Rima LV

(...) –¿En qué piensas? –me dijo. –En nada...–En nada, ¿y lloras? –Es que tengo alegre la tristeza y triste el vino. G.A. Bécquer

Cousas de entender

[A imaxe vén de aquí ] Que incertidume. Canto máis intento entendelo, menos o entendo. Digamos que sinto unha incertidume brutal e fonda como un pozo de barrena do que non sae ren. Só queda o furado, buraco negro que me zuga, profunda e letal NADA no medio do peito como un balazo que sangra e que intento encher da forma que sexa; e debería escoller ben o "como" , porque as "xoias en bruto" (como me dín tantas veces que son eu, malia que non creo nin unha soa palabra dese tipo...), deberiamos ter ese don natural de escoller ben, ter áxil a capacidade de discernimento, ou o da premonición aínda... Pero mellor é que digamos que prefiro beber algo de ron cubano de sete anos vendo o que poñen na televisión recostada no sofá, e deixarme de estupideces a estas alturas do ano, agora que xa tan perto queda Novembro, bendito mes. Que a vendima me traia bos froitos, ou alomenos que os que haxa me complazan o suficiente como para esquecer este tan confuso e estúpido Agosto...

Pasa la vidaaa, pasa la viidaaaaaaaaa...

Non podía ter máis razón a cancionciña esta de Raimundo Amador. Xa teño feito o meu horario de aulas para o próximo outubro, de novo de pipiola nunha carreira, vaia por Deus ou polo Demo. Pero xa fun máis pipiola do que son agora, tamén é certo. Só me falta ter un choio compatible. Un emprego polas tardes non estaría mal (empresario que les isto, obrigadissima!) Pasa la vida igual que pasa la corriente cuando el río busca el mar, caminos diferentes por donde me quieras llevar.

Venres

Outra vez venres, outra semana sen traballar (estudar non dá cartos), outro finde sen plans á vista. Sigo esperando. Nausícaa, queda comigo. Por se vén a noite e vai frío e teño medo da escuridade. Hoxe sona.- De menos e Deseo , de Pedro Guerra

Fonseca

Había un tempiño que non me sentaba nos caixóns de luz terrible da Xeral en Fonseca e onte (xa pasa das doce...) estiven un anaco da tarde estudando o terrible Walter Piston e o seu método de teoría da Harmonía. Desque me licenciei hai uns anos (tres xa!!) pensei de ter perdida xa a capacidade de concentración e todas esas parvadas que serven de ferramenta ao estudante. Pero parece ser que non, que onde houbo lume sempre queda brasa e tal... E alí estiven. Hoxe, despois de durmir e almorzar e ducharme e arrombar a casa e xantar e todos eses menesteres domésticos penso facer o mesmo: ir co meu exemplar de Piston debaixo da axila e repasar o que xa sei e, quen sabe, facer tan ben o sudoku como onte, e aprender algo novo: a estar calada un bo anaco, para gloria e regocixo do mundo. E esquecerme de parvadas. E madurar. :)

A-Lelo 334

Non é nada novo. Os instintos sobreviven en nós. Parece que os homes son máis primarios aínda que as mulleres (é evidente, por outra parte, e tampouco é novidade). É que, como lle dixen a un coñecido, os homes son tan sinxelos como o mecanismo dunha roda no seu eixo (co correspondente enfado do susodito polo das xeralizacións, que son tediosas, blabla..., por suposto...). Pero a ciencia me respalda e asenta a miña afirmación desta volta. E senon, lede isto , lede...

Renderse... nunca

Arquíloco de Paros (VII a.C), foi poeta e militar. Adicou a súa vida á guerra e a facer da súa poesía unha arma de loita, un espello dos valores do soldado. Dos seus versos, os que máis me inspiran nesta guerra diaria que libramos contra nós mesmos (ás veces) e contra o mundo arredor son os que deixo para vós (o certo é que son só para tí, André): "Corazón, corazón, de irremediables penas axitado, ¡érguete! Rexeita ós inimigos opóndolles o peito, e nas emboscadas traidoras sostente con firmeza. E nin, ó vencer, demasiado te ufanes, nin, vencido, te desplomes a chorimicar na casa. Nas alegrías alégrate e nos pesares xeme sen excesos. Advirte o vaivén do destino humano" Non te preocupes do resultado. Manténte firme. Non abandones a fileira. Agora sabes que eu estou cubrindo un dos teus flancos. Avanza.

A canción de hoxe

You woke up this morning Got yourself a gun, Mama always said you’d be The Chosen One. A canción que hoxe me acompaña non é esa, que forma parte da BSO de The Sopranos , senon esta versión fantástica (sempre) de Eric Clapton con Mark Knopfler do tema Layla . E póñoa unha e outra vez e outra e outra. Hoxe sonará todo o día, entre golpe de tose e golpe de tose. Porque a última estrofa é o único que che pido, malia que a sei irrealizable, para que enganarme a mín mesma. Let's make the best of the situation Before I finally go insane. Please don't say we'll never find a way And tell me all my love's in vain.