Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

Feudo de cariño

Permitirme uns días ó ano para as nostalxias. Deixar que todo iso que se acumula no bolso en cada nova estación se organice e se amotine contra min e me arrase. Abrir a caixa de galletas en que gardo os anaquiños machucados do meu corazón e armarme de paciencia. Repasar un por un, confortalos e acomodalos de novo no seu especial feudo de cariño. Todas as sombras que habitan os recunchos da casa adquiren de novo gusto e tacto e olor e son e veñen ó meu encontro e falan comigo sobre como me vai todo, que ben que te sintas mellor , estás a gusto no traballo?, que vas facer hoxe? , e sorpréndenme cos xestos e acentos que os seus donos corpóreos habituaban ter. Dígolles: canto te estraño..., quedas a durmir?, non marches aínda...   Asinten, bisban un "sempre" mainiño e permanecen. Todas elas teñen un espazo na miña vida tan importante como os que quedan en pé aínda. E necesito dos seus azos e aloumiños tanto ou máis que antes... Será entón, cando eu tamén sombra, que...

Levantarme en armas

O tempo que se para e a chuvia lenta. Aquí afóra, a palabra que acariña o verso e as miñas cóstas núas no devalo lento das horas e morde con violencia o interior dos meus ollos e sabe a café e a frío e a alento e a horizonte e a azul           e a salitre e a morte e a distancia e a sede e a desgana e a todo o contrario e que recorre o corpo todo como a dor primixénea e exacta da perda e do labirinto e me abre as pernas e a boca e o ventre e me envolve e me penetra e me incendia e me posúe e me abandona ata desangrarme: é a túa palabra, coa que chegas a min cada mañá e que fai que fogar sexa unha circunstancia sen lugar específico e que os teus beixos salven, santuario e refuxio, e me dean azos e ás novas para poder levantarme cada novo día en armas. Man Ray_

Hoxe

Sinto o tremer da montaña, do cataclismo interior que a recorre, veta a veta, como un verme de ferruxe e couza.  Que axiña (me) esqueciches. O pequeno espazo que tímidamente habitaba o meu corpo -no teu corpo- esluíuse e desapareceu. Poida que toda esta felicidade sinxela de hoxe non sexa máis que unha miraxe que veña atormentar o meu sono fatigado, alporizado de pingas de suor e perda ó espertar. Toda esta taquicardia sen sentido de cabalo a galope. Extenuada. Ó límite. Apenas (me) queda un remorso de auga salgada baixo o embigo,  peroliñas tristes e gastadas,  un fin cincento de palabras e promesas que penduran boca abaixo. Que axiña (me) esqueciches ti, que te xuraches   non facelo. Abur, abur, bonequiña rota.

Sentir

Sentir o verso como unha incesante Nada . Unha vasta extensión vacía e intransitable que o devora todo que me devora a min e ás árbores enchendo o aire dunha pesada derrota. Camiñar o verso sabendo que non perdurará -nin el nin ningún de nós, téno por seguro- ningunha pegada no caderno ermo, cicatriz afogando na pupila. Explotar(se) o verso nun punto entre a boca e o baixo ventre atascado maltratado e ferido ser vez e consecuencia da dor e da orixe mentres se vai o día en sombras na porcelana escorregando pola pel azulada cada noite despois do ritual consentido e resurrector do baño. [a imaxe sae de aquí ]

Walking Around

Se puidese, hoxe reescribiría o poema de Neruda que dí   "Sucede que me canso de ser hombre" . Faría meus os versos No quiero seguir siendo raíz en las tinieblas, vacilante, extendido, tiritando de sueño, hacia abajo, en las tapias mojadas de la tierra, absorbiendo y pensando, comiendo cada día. No quiero para mí tantas desgracias. No quiero continuar de raíz y de tumba, de subterráneo solo, de bodega con muertos ateridos, muriéndome de pena. mentres retorzo as mans e o nó que levo atravesado no peito faise máis e máis grande até o máis devastador desconsolo. Morro moito, nestes días. Morro. E querería vagar sen rumo polas rúas vellas da cidade, e sentir o seu arreguizo no meu. Esa cidade en ruínas que xa nunca, cinsa e vento,  volverei a habitar.

Casa

Un refuxio para escribir(che) nas marxes do día. Un universo arremuiñándose de cariño - aberto no centro mesmo de min, como un campo pespuntado de flores amarelas. A morna luz do cuarto propio, no que ollar pola fiestra sexa requisito indispensable para seguir adiante cada hora E navegar o ronsel das nubes esfareladas da tardiña cara á casa, remedio eficaz contra a tristura. Abrigarte con aloumiños do frío que augura setembro Facer café e torradas cada mañá E suspirar metade alegría metade alivio porque, alomenos hoxe- nos meus ollos e no centro do cuarto -aínda estás aquí.

Sssshhhh

O outro día tiven unha fantástica conversa sobre o silencio, sobre aquelas cousas que traen silencio ó noso interior axitado e que van unidas á felicidade con costuras firmes. As cousas esenciais. As cousas insubstituibles e que nos constrúen peza a peza. Falabamos do silencio nunha consulta rutineira na que, ademáis de preocuparse pola miña saúde física actual, me preguntaron polo meu habitual estado de ansiedade ( vas mellor?, medra a sensación de nerviosismo?, durmes ben? ) e polas chaves esenciais do ( meu ) proceso de creación, neurose tan querida... Falabamos do pouco respecto que sentimos polo silencio, por pasar tempo con nós mesmos e aprender a aturarnos e a entendernos, como paso fundamental para que os demáis poidan facelo e viceversa. Que vivimos saturados de ruído para evitar ter ese encontro íntimo co noso interior abafado, desconectando da nosa natureza. Falabamos do marabilloso de correr baixo a choiva, da sensación dos pés descalzos na area, na herba, na terra que nos ...