Un refuxio para escribir(che)
nas marxes do día.
Un universo arremuiñándose de cariño -
aberto no centro mesmo
de min, como un campo pespuntado
de flores amarelas.
A morna luz do cuarto propio, no que
ollar pola fiestra sexa requisito
indispensable para seguir adiante cada hora
E navegar o ronsel das nubes esfareladas
da tardiña cara á casa,
remedio eficaz contra a tristura.
Abrigarte con aloumiños do frío
que augura setembro
Facer café e torradas cada mañá
E suspirar
metade alegría metade alivio
porque, alomenos hoxe-
nos meus ollos e no centro do cuarto
-aínda estás aquí.
Comentários