Avançar para o conteúdo principal

Feudo de cariño

Permitirme uns días ó ano para as nostalxias.

Deixar que todo iso que se acumula no bolso en cada nova estación se organice e se amotine contra min e me arrase.

Abrir a caixa de galletas en que gardo os anaquiños machucados do meu corazón e armarme de paciencia. Repasar un por un, confortalos e acomodalos de novo no seu especial feudo de cariño.

Todas as sombras que habitan os recunchos da casa adquiren de novo gusto e tacto e olor e son e veñen ó meu encontro e falan comigo sobre como me vai todo, que ben que te sintas mellor, estás a gusto no traballo?, que vas facer hoxe?, e sorpréndenme cos xestos e acentos que os seus donos corpóreos habituaban ter. Dígolles: canto te estraño..., quedas a durmir?, non marches aínda...

 Asinten, bisban un "sempre" mainiño e permanecen.


Todas elas teñen un espazo na miña vida tan importante como os que quedan en pé aínda. E necesito dos seus azos e aloumiños tanto ou máis que antes...

Será entón, cando eu tamén sombra, que poidamos recuperar todos os almanaques?



(a imaxe sae de aquí)








Hoxe sona.- I will follow you into the dark, de Death Cab for Cutie


Comentários

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Bonito

Hoxe non é un día bonito. Nin o quere ser. Malia que vai sol, que vai frío, que merquei un vestido de punto gris nas rebaixas. Hoxe non me apetece nada. Non recibo as novas que quero, ou que estraño, e non podo seguir. Hoxe só me apetece meterme na cama e durmir. Agochar a cabeza dos monstros entre os lenzos e o nórdico e pecha-los ollos forte forte para non terlles medo. Hoxe non é un día tan bonito como parece dende fóra dos meus ollos pero sentareime nun banco a comer pipas, con algún poemario de Benedetti no colo, a ver como xogan os nenos.