Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 
Mensagens recentes

Antes

Houbo un tempo, moi ao comezo de todo. Soía subir unha entrada a este blog a diario, ou case. Soía ter quen me lera. Soía ser un pouco máis salvaxe e divertida. Soía ser máis nova, como di Miley Cyrus na súa canción.  Pero pasou o tempo, a vida comezou a tornarse máis adulta, máis agobiante e aburrida. Máis de declaración da renda, de taxas da auga e do lixo. Máis de afogo. Da fugacidade voraz do calendario.Da friaxe. De mirar ben as ofertas do súper e de menos xenebra. Eu convertínme, pouco a pouco, nunha persoa máis vella, máis agobiada, máis frustrada. Monótona. Aburrida. Todas as promesas foron mudando noutra cousa, pesada e gris, e en caixas e caixas de pequenas pílulas brancas. Se as colocase unha detrás doutra en ringleira, é pouco probable que deran a volta completa á Terra. Pero si poderían encher, alomenos, un cuarto da miña casa. Non un demasiado grande, non un dos máis pequenos. Do chan ao teito. Caerían -como o chorro esvaradío de grao ao retirar a portela dun silo, co...

Medrar árbore soa

 Ás veces, hai camiños que se nos abren sós. Son froito da unión de múltiples e afortunadas casualidades, de fracasos repetidos unha e outra vez. Da falta ou do exceso de reflexión, do pensamento obsesivo, das compulsións e da tan necesaria benevolencia dos ventos. Son unha mestura imprecisa pero efectiva (a fin de contas) de todo o que fomos facendo e evitando. Non medramos árbores soas, sobrevivimos no bosque. No máis profundo del. Leo moito, ultimamente. Paso horas lendo, corrixindo, revisando, asesorando, acompañando, reescribindo, deseñando. Leo moitos textos de moitos outros que escriben sobre outros tantos temas diferentes. Leo moitos xéneros distintos. Corrixo, edito, asesoro, reviso, reescribo. Déitome pensando en se tal ou cal texto tén unha dilatadísima marxe de mellora, aínda. Penso se serei capaz de expremer ese potencial. Penso en porqué non o fixen antes. Penso no que deixei de facer ou de querer, por non saber recoñecelo a tempo.  Penso no porqué, en todos os p...

Onde as augas corren

 Case un ano sen escribir aquí. Non me importa. Seguramente, tampouco a quen poida ler o que este blog recolle. Non hai nada excepcional entre as liñas nin en quen as constrúe. Hoxe quedo so cun pensamento e é que si, que a vida era outra cousa. Que non é unha loita constante. Custa ser capaz de entedela dese xeito cando o único que intentas é sobrevivir cada día. Pero o tempo pasa, os anos pasan e a perspectiva axúdanos a entender, a pensar de novo, a calibrar. A facer limpeza, desfacéndonos de todo o entullo, e conservar con agarimo prendas, memoria, espazos. Case un ano. E non cambiou case nada aquí: días de sol, días de treboada. Fóra todo é confuso, gris, histérico, cru e cruel. Dunha violencia insoportable.  Canto, cantísimo frío. Hoxe soa.- Breather , de Tanya Tagaq

Mentar a bicha

 E así foi. De tanto chamar por ela, acabou chegando. Unha semana e dous días con síntomas recoñecibles (coido que xa antes dese período había algo pululando polo organismo) da covid-19. A canseira mental, máis que a física, é imponderable (un 9/10?). Nin ler, nin escribir, nin nada (ata hoxe, e dende as festas de Nadal, sen sentar á mesa diante do PC). Só durmir, durmir 12 horas ou máis.  Ver ás amizades, tanto tempo despois, tivo unha contrapartida. A ledicia nun mundo capitalista sempre é así: cotiza en bolsa, contrátase con miles de condicións redactadas en letra minúscula -case microscópica- que nunca lemos con detemento, hai que pagala. Nada sae gratis.  Así e todo, ampliei o meu catálogo. Rapei a noca.  Perdín peso, de novo. Dixéronme que me botaran de menos, moito, e que tiña un aspecto fantástico. Estiven de picnic na praia á hora do aperitivo cun Aperol-spritz  nun chiringo a pe de mar nunha enorme mesa de madeira de superficie retorta na que as copas ...

Pantone

Hai días como lousas.  Caen sobre nós con todo o seu peso, esmagándonos. Hai días nos que nin sequera son quen de imaxinar que demos pode ser iso da felicidade. Días-pantzer. Días-kalashnikov. En días como hoxe, só quero pechar forte, forte os ollos e os puños e explotar, arrasalo todo. Porque deixo de verlle o sentido ao cotián, ao esforzo constante por manter todo vivo, porque xa non me queda máis leña, máis combustible que queimar para que a maquinaria siga funcionando baixo mínimos, sequera. Son días-inanición. Días-formateo. Días-adeus. Un puntiño que escintila e se apaga, sen ruído. Pluff.  Pero, que máis ten?  Só un puntiño. Tan pequeno, tan breve, tan fugaz... Quen podería botalo en falta?  Hoxe soa.- Silence , de Dave Thomas Junior

Correr

  Hai días nos que quedar moi, moi quieta é a única forma de escapar. Hoxe soa.- Run, boy, run , de Woodkid