Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

Tí + Eu = 2

O inverno, süave morneza entre os teus brazos Casa, cama, acubillo. Eu, crisálida prendida no beixo de sol de primavera da túa boca, tatuaxe, amor en braille na túa pel.

Un tango mal bailado

Se algunha vez me preguntas, Direi que non o lembro. Non. Apenas me atrevería A contarche A metade das cousas vividas. A duras penas Besbellaría en secreto Que o arrecendo a cervexa Fáime berrar de anguria Que a nostalxia da fuxida Era necesaria, por enriba de todo (corrín, Corrín até onde remataban os pasos cabo, confín da terra) Que xa non tolero as torradas No almorzo, sen paporroibos mendiñando pobres farangullas sobre a mesa E prefiro o xaxún, o café solo e o pelo enleado As moreas de libros en montóns de desorde As caixas de mudanza sen abrir (por se fuxir se volve de novo necesario) A roupa escura, camuflaxe da dor, E as fiestras abertas ó sol do verán De mañanciña Os acentos Os apóstrofes E os ditongos Os meus pasos pequenos (rúa de madrugada) e etílicos De beizos apretados con sílabas que me atragoan. Non, repito. Negareino. Negarei que miro polas vidreiras E polos bares E bus...

Vai

Campo de Xirasoles (Van Gogh) E é así que un día égueste cunha estraña sensación de vertixe e desconcerto. Todo iso, sen unha razón certa, nada que poidas acreditar en tí para ese desvarío que te asalta, como unha coitelada á volta dunha calexa escura na vólta á casa de madrugada. E é así que, case sen darte conta, un pensamento te afoga e comezas a entender: é unha parte do teu corazón a que falta. E, de socate, tés a certeza de que nunca máis a recuperarás. Descansa, amiga, compañeira. Dende esta beira, asustados e tristes, chamamos por tí. Hoxe sona.- Variacións Goldberg , de J. S. Bach

Astenia solidaria

Nunca pensaría que os niveis de solidariedade na sociedade actual eran tan míseros como os que, desgrazadamente, me estou atopando nestes días. Certo é que, en momentos de recesión económica, os individuos das sociedades capitalistas e altamente consumistas vólvense agresivamente conservadores. Tamén é certo que, entre estes desnaturalizados individualistas, sobreviven aquelas e aqueles nas e nos que o xérmolo da colectividade agroma máis concienciada e comprometida que en tempos de bonanza. As escusas para evitar o compromiso solidario son moitas e moi variadas, pero radican todas no mesmo descoñecemento do movemento cooperativo das ONGDs, e nun profundo egoísmo irracional e até de tintes racistas que rozan o fascista. O mundo desenvolvido obvia as necesidades de quen realmente precisa dos fondos de cooperación xa non para o seu desenvolvemento senon para a propia supervivencia, pechando os ollos ante unha realidade que nos ultrapasa por demasiado pesada para a nosa acomodada vida de...

Danzando

Con tanto abanear, parece que bailo. A herba seca asubía co vento do Norte nestes días de calor, animando a carraxe do lume, que arrasa todo até o máis profundo das raíces na terra poeirenta. Estráñote. Sequía pertinaz do teu silenzo. Vou apretando os meus ollos cansos para albiscarte, con algo de sorte, na distancia. Pero evito os teus roteiros -cerimonia de tránsito- na cidade que durme (dígolle 'adeus' mainiño a cada porta, a todas as fiestras brancas e ós coches de reparto). Para non verte. Por se me súan as mans e tatexo. Porque teño esperanza e medo a un tempo e non me gusta a temeridade suicida dos sobresaltos.

Inútil

Completamente tolleita, xa non podo camiñar máis alá de onde a miña man chega, se esterrico o brazo. Completamente tolleita. Intento agarrar o teu brazo, anga, arnela. Xa non podo sosterme. Pero as puntas dos meus dedos gorentosos apenas poden imaxinarte na distancia. Non miras atrás. Remoio a túa figura no eido profundo do meu soño desacougado. Nas miñas pálpebras, suor bagorenta. Area entre os dentes. Onde estás?