Avançar para o conteúdo principal

Un tango mal bailado

Se algunha vez me preguntas,

Direi que non o lembro.


Non.


Apenas me atrevería

A contarche

A metade das cousas vividas.


A duras penas

Besbellaría en secreto


Que o arrecendo a cervexa

Fáime berrar de anguria


Que a nostalxia da fuxida

Era necesaria, por enriba de todo

(corrín,

Corrín até onde remataban os pasos

cabo, confín da terra)


Que xa non tolero as torradas

No almorzo, sen paporroibos mendiñando pobres farangullas sobre a mesa

E prefiro o xaxún, o café solo e o pelo enleado


As moreas de libros en montóns de desorde

As caixas de mudanza sen abrir

(por se fuxir se volve de novo necesario)

A roupa escura, camuflaxe da dor,

E as fiestras abertas ó sol do verán

De mañanciña

Os acentos

Os apóstrofes

E os ditongos

Os meus pasos pequenos (rúa de madrugada) e etílicos

De beizos apretados con sílabas que me atragoan.


Non, repito.

Negareino.


Negarei que miro polas vidreiras

E polos bares


E busco no fondo do peito

Con cargas de profundidade que

Estoupen as fibras todas

Coa temeridade suicida das cometas


Que prospecto a obviedade

Do abandono

Con meticulosidade cirúrxica.


Que disecciono a tristura e colecciono fracasos.


E négoo sen ambaxes,

Négocho

Négomo dolorosa censura


E todo isto, todo

Nesta pendente esvaradía

Xardín abandonado

Da Conciencia.


Que escribir estes versos

Supón

O punto de cruz

Que faltaba (mal tango)

Para pechar o baile.


Comentários

Anónimo disse…
E a tristeza
escorreu polo canto do olho
e virou bágoa

Orvalho de salitre
vagando na fenda do vento
...

Mensagens populares deste blogue

Penso e penso e penso, e por máis que o faga, non atopo ningunha boa razón pola que escribir. O certo é que quizais tanto tén, non creo que teña un gran talento, nin tan sequera un talento, nin "un". Que rabia dá cando comezan a caer os mitos.

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva!