Avançar para o conteúdo principal

Restos

Como non sei (creo que tampouco importa tanto) se tí tamén te pasas ás veces a facer unha visita, eu escribo o que me apetece, o leas ou non. Vaia consolo estúpido.

Escribo cousas como que non pretendo pedir perdón, que o orgüio é unha confusión moi corrente no meu xenio descontrolado, pero que non foi ese o caso, aínda que non cheguei a explicarche nunca as razóns que me guiaron no naufraxio.

Que non sinto culpa (culpa de que?), só é que quero achegarme de novo á túa espiral e deixarme absorber por ela un anaquiño de tempo cada día. Porque adoraba os teus bicos e a túa voz. Os teus consellos, a túa delicadeza morna.

Que a dor é só un tránsito, aínda que o meu paso por ela continúa.
Que non o que máis xeme é o que máis sofre. Eu non me queixo en alta voz. Nunca.
Porque a dor é unha sangría xorda que me atravesa e me esgaza.

E se segue coméndome, que quedará de min?


Hoxe sona.- Gymnopedie nº1 de Satie

Comentários

(Ben sei que neste post non debería dicir nadiña; pero so viñen poñerlle música. Escolle ti entre a terceira e a quinta do Album "Navicularia", de Berrogüetto)
Unknown disse…
Graciñas polo engadido musical.
Moi bo disco.

Agora xa lle engadín música eu. Creo que xa non podo ser máis patética dende a dignidade que aínda intento conservar...

Beijos
asbeirasdoarnego disse…
ola, bonito blog conocíno por chousa, é interesante seguramente + interesante co meu, por se che interesa é: www.asbeirasdoarnego.blogspot.com trata sobre un pequeno pobo do Deza, AGOLADA
Unknown disse…
Graciñas pola visita, Daniel. Non é preciso que me contes onde queda Agolada, son da Estrada, e ademáis, estiven prospectando coa USC hai uns anos.

Inmensa Agolada!

Beijos

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Bonito

Hoxe non é un día bonito. Nin o quere ser. Malia que vai sol, que vai frío, que merquei un vestido de punto gris nas rebaixas. Hoxe non me apetece nada. Non recibo as novas que quero, ou que estraño, e non podo seguir. Hoxe só me apetece meterme na cama e durmir. Agochar a cabeza dos monstros entre os lenzos e o nórdico e pecha-los ollos forte forte para non terlles medo. Hoxe non é un día tan bonito como parece dende fóra dos meus ollos pero sentareime nun banco a comer pipas, con algún poemario de Benedetti no colo, a ver como xogan os nenos.