Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

A mostrar mensagens de junho, 2010

Inútil

Completamente tolleita, xa non podo camiñar máis alá de onde a miña man chega, se esterrico o brazo. Completamente tolleita. Intento agarrar o teu brazo, anga, arnela. Xa non podo sosterme. Pero as puntas dos meus dedos gorentosos apenas poden imaxinarte na distancia. Non miras atrás. Remoio a túa figura no eido profundo do meu soño desacougado. Nas miñas pálpebras, suor bagorenta. Area entre os dentes. Onde estás?

Centímetro a centímetro

Como calcular as distancias? Debería pedirche consello, ti que tan ben o sabes.
Erguínme disposta a cambiar todo. A mover todos os meus peóns nunha xogada suicida. A escribirche. O cursor aínda palpuxa na pantalla en branco. Míroo, bloqueada. Aterrorizada. Sempre me quedo sen nada razoable que dicir(che). Terrible certeza, cando desfarás este nó do meu peito?

Un + Un

Cando miro os sucos das veas nos meus pés nús, vexo o paso das estacións, dos meses, dos días. Vexo todas as facianas esluídas dos que formaron parte da miña vida, o sorriso franco dos que están agora comigo e intúo as miradas dos que estarán. Toda a dor que as miñas dedas foron machucando, camiñando sobre as dificultades. E a tenrura que aloumiñou a miña pel toda. Son as cousas pequenas das que sempre falo, as que máis me conmoven. Eu tamén gardo fotos en caixas, que miro con melancolía cando estou triste. E recito poemas a berros, e choro de cando en cando, porque me peta. E hai días que collería unha tixeira e me cortaría o cabelo con xenreira para borrar o paso do furacán. E borraría as enrugas do meu corazón, para que sempre permaneza inocente e noble. Só quero seguir sorprendéndome. Limpa as areas dos meus ollos e ensíname a abrazar o mundo, no que xa non creo. Onde queda, caixiña de recordos, toda a felicidade?

Framboesas

E se, nestes días, hai algo que me torture (docísima dor), ese es tí. Pecho os ollos e es as raiolas do meu sol interior. Quen fai que a xeada da tristura se derreta e saia do meu corpo en perladas pingas de suor, esvarándome entre os peitos e pola fronte. Aroma de mirra, queda comigo. Alivia o meu corpo dooroso como unha ferida aberta coa maina tenrura do teu alento. Acouga o meu pulso coa túa voz. Reconstrúeme.