Dun tempo a esta parte, fun distanciándome dos social media . Custoume uns cantos anos e unha boa manchea de desgustos, pero fíxeno. Como se sae dunha adicción, con recaídas e todo iso. Libereime pouco a pouco da tiranía dos likes, dos corazonciños, dos DMs, dos ding e double checks, de retransmitir a vida cotiá (que me visto, que xanto, que visito, que leo, que bebo, onde viaxo, onde estou ou con quen...), porque a miña vida é miña, simplemente. Miña e de quen a comparte a diario, en carne e óso (se estou ao ladiño) e de forma algo máis virtual (se a distancia se interpón). Pero sempre hai presencia, correos, voz, videochamadas, horas ao teléfono, felicitacións de aniversario. Parece unha afirmación sinxela de facer e de comprender, a de que "a miña vida é miña". Pero non o é: os social media modifican esa premisa ata volvela noutra cousa, nunha sorte de realidade paralela e deformada. Labran con outro gando. Convertéronse nun nonseique fedorento, nocivo...