Avançar para o conteúdo principal

Queridas/os todas/os:

Chega xa o terrible San Valentín, todo se enche de vermello, de corazóns, de bonecos que levan bordado I love U ou Te quiero (nunca ámote ou quérote, en castellano se ama mejor), de bragas e calzóns provocativos, de condóns para celebrar ben o sexo, de anuncios de bombóns, de perfumes, sales de baño, masaxes e pedicuras...

Para todo temos que atopar un día que sinalar no almanaque, e o 14 deste mes é para escribir con letras grandes "DÍA DE QUERERSE" , supoño que para contrarrestar ós outros 365 ou 364 (segundo como caia o ano) en que nos odiamos a morte.

Agora estílase tamén o dos concursos de cartas de amor ( que me encantan, pero para todo o ano...), de declaracións de amor, de piropos e outras lindezas españolas..., todo polo premio, claro: que clase de entes consumistas seriamos se o fixeramos porque si, porque te quiero de verdad, amor de mi vida... Sen recompensa sería inútil, o amor só da dores de cabeza e de carteira, algo teremos que sacar a cambio e se é material mellor, o sexo/aloumiños/beixos/comprensión/ respeto/loucura/compañía... a pau seco, xa non nos chega nin ó forro de dentro...

Ao mellor, teriamos que facer como en Arabia Saudí e directamente prohibir o vermello, as rosas, todo aquilo que represente o amor "a la occidental", o promíscuo, o obsceno, a liberdade.

Acabábanse tantas paxaradas, tanto gasto inútil que ben se soluciona cun beijo tenro e unha aperta besbellando "ámote, meu amor". E así tódolos días.

Comentários

O de ofertar bragas (e calzóns) provocativas para agasallar no "día del amor y de los namoradiños" ...non será un xeito de lembrar aquelo de "A que carallo lle chamas amor, se en realidade ti falas de foder"?

(Espero que o toxiño non se escandalizase coa miña barruntada de hoxe. Cando escribín este comentario tiña o fuciño metido nun lado e non miraba...)

Bicos de seda con puntilliñas
Unknown disse…
Ben...Se iso das bragas é o único que tiras en limpo do post, creo que me vou retirar para sempre. Non vou escribir nunca máis. :(
:D

Se a iso dos 30 eras xeógrafo, de que idade estamos falando? A ver se resulta que es un vello verde :P
Son verde, si.
O de vello xa é un termo moito máis relativo e depende da perspectiva
(Conclusión: que ti considerarías que son vello).

Non te retires da escritura. Retírome eu de comentar. Virei darlle fresas ó Toxiño e quedo calado.
Unknown disse…
Non home, non... :)
Era un comentario sen malicia.

Non considero nada, pregunto porque teño curiosidade.

Non deixes de comentar, me alegra atopar comentarios teus nos meus posts. Alimenta a Toxiño que se queda moi contento.

Beijos mil.

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Bonito

Hoxe non é un día bonito. Nin o quere ser. Malia que vai sol, que vai frío, que merquei un vestido de punto gris nas rebaixas. Hoxe non me apetece nada. Non recibo as novas que quero, ou que estraño, e non podo seguir. Hoxe só me apetece meterme na cama e durmir. Agochar a cabeza dos monstros entre os lenzos e o nórdico e pecha-los ollos forte forte para non terlles medo. Hoxe non é un día tan bonito como parece dende fóra dos meus ollos pero sentareime nun banco a comer pipas, con algún poemario de Benedetti no colo, a ver como xogan os nenos.