Estará nun pequeno outeiro
achairado
apenas un redondel de pedriñas
brillantes
onde corra o vento do Sur
e se divise
liso limpo infinito o horizonte.
Na devesa silenciosa
perto dunha estrada
de cunetas cheas de flores
e coroas de defuntos
(por se alguén quere vir a visitarme).
O tronco óco será o
meu tronco
e os brazos e as pernas
(como os das bonecas que mutilabamos na nenez
polo puro pracer da violencia)
serán adornos libres cheos de cintas de cores
e de campaíñas
enleadas nos dedos e nas pólas caladas
entre as follas verdes
das aciñeiras
e o aire será triste e ledo a un tempo
seco e húmido de chuvia
azul luminoso e profundo
(por se alguén quere, aínda así,
algún día
cando estea de paso e non
vir a visitarme).
[De "O Camiño dos Caracois", poemario inédito, N.Soutelo]
Comentários
(Nunca recoñecerei que escribín poesía; mais o meu estadío intelectual non abrangue a súa interpretación.Tamén fotofrafío burros; así que...
Nin tan sequera quero importunar ós caracois. O seu camiño é tan difícil como o noso mesmo.
Unha aperta, e que sigas fotografando o que gostes, que tamén é unha forma de poesía.