Avançar para o conteúdo principal

Novembro



Aínda gardo o loito. E non deixo curar as feridas abertas. Non quero.

Ás veces intento chorar ata murchar por completo e converter estes ollos opacos en sombra.
Pero non podo.
Serán os malditos antidepresivos.

Só sei que quero berrar esta dor toda desangrándoa e durmir e non ter que dicir nin palabra se algunha vez me cruzo contigo, quen sabe, a casualidade é cruel e antolladiza.

Que terrible ano. Terrible Novembro.

Comentários

tete disse…
vaia... definitivamente, que nos crucemos de cando en vez por estes meandros casuais das redes invisibles non significa que esteamos máis preto nos momentos que realmente teñen que importar. sinto que te encontres triste e doída, cansa de persistir e desexando persistir a un tempo. nada te podo ofrecer salvo o desexo de ter sido amiga túa para, nesta tarde, chamarte para tomar un té e que me contases.
ó xeito estándar da amizade.
moitos bicos e moitos ánimos, mariola!!!
Unknown disse…
Grazas sempre, Teté.
Malia que non poida xa tomar nin sequera té, sempre mete cobiza poder darlle anque non sexa máis que un sorbiño ou respirar amodo o aroma que sube virando no ar como un paxaro miudiño cara á lúa de outono.

O que máis me amola é en si o feito de que este Novembro, o meu mes favorito, o MES, resulte tan abafante e tan angustioso como resulta agora mesmo.

Xa non é, nunca máis, o meu doce novembro.

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Bonito

Hoxe non é un día bonito. Nin o quere ser. Malia que vai sol, que vai frío, que merquei un vestido de punto gris nas rebaixas. Hoxe non me apetece nada. Non recibo as novas que quero, ou que estraño, e non podo seguir. Hoxe só me apetece meterme na cama e durmir. Agochar a cabeza dos monstros entre os lenzos e o nórdico e pecha-los ollos forte forte para non terlles medo. Hoxe non é un día tan bonito como parece dende fóra dos meus ollos pero sentareime nun banco a comer pipas, con algún poemario de Benedetti no colo, a ver como xogan os nenos.