Avançar para o conteúdo principal

A outra columna

E cantas cruces nos sinalamos
tamén na pel,
ás veces
sen saber qué facemos.

Inconscientes.

Penso que non importa,
(que importancia pode ter?)
pero as cruces quedan,
escarcificación horrible

e doorosa

nestas miñas cóstas núas
abertas en parénteses de feridas
polas que meter os dedos
e palpar a vertixe
desta columna
que se rompe e se reconstrúe e se esmiúza
en area encarnada e quente extendéndose
como unha acuarela indefinida
e mesta

que vai recorrendo
as canles difusas
que me comunican fóra da faixa de seguridade
da miña boca

ata os teus pés

e en sentido inverso.

Comentários

tete disse…
impresióname este poema teu. tan frida. tan sentido, tan doído.
a dor ás veces é o único que nos mantén en pé. pasei anos a laiarme con razón. agora, atopei razóns para non facelo nunca máis.
pero hai días, sen avisar, en que me doen os ósos dunha dor antiga.
moitos bicos!!

pd: hai unha certame de poesía de caixanova. creo que serías firme candidata a algo bo. perdoa a intromisión :)
Unknown disse…
Graciñas,tete: Sei do certame de poesía de Caixanova. Hai anos que o meu pai me vén animando a participar nel, pero non me acaban de convencer ese tipo de eventos, anque non sei moi ben porqué.

Cando sexa maior fareino, seguro. Hai que probalo todo nesta vida. :)

Non creo que a dor nos manteña en pe, en ningunha circunstancia. Creo que o que nos mantén firmes é saber que esa dor é só algo pasaxeiro, e confiar na nosa fortaleza, poñéndoa a proba a través do sufrimento.

E claro que ás veces nos asalta polas cóstas e nos golpea con forza, malla en nós ata desfigurarnos. Pero aí está, de novo, a nosa forza toda, erguéndonos e recuperándonos.

Graciñas polos teus posts. Sería feliz de poder coñecerte en persoa. :)

Unha aperta agarimosa!
Oscar de Lis disse…
Houve umha vez um homem que pintava cruzes nos seus braços para nom esquecer as cousas importantes. Um dia, ao acordar, o homem já nom tinha cruzes. Baixou à cozinha e quando lhe perguntárom que tal dormira, nem soubo o que responder.
Unknown disse…
Supoño que se poden facer unha chea de lecturas do que escribes neste post, Schindler.

A miña lectura é que quizais sen dor non comprenderiamos a nosa propia vida, pero que tampouco resulta ser unha parte indispensable ou insustituíble dela.

Que cousas se me dá por pensar ultimamente, nestes días.

:)

Vémonos axiña (quizais nos perdamos noutra estrada do rural...).

Apertas.

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Bonito

Hoxe non é un día bonito. Nin o quere ser. Malia que vai sol, que vai frío, que merquei un vestido de punto gris nas rebaixas. Hoxe non me apetece nada. Non recibo as novas que quero, ou que estraño, e non podo seguir. Hoxe só me apetece meterme na cama e durmir. Agochar a cabeza dos monstros entre os lenzos e o nórdico e pecha-los ollos forte forte para non terlles medo. Hoxe non é un día tan bonito como parece dende fóra dos meus ollos pero sentareime nun banco a comer pipas, con algún poemario de Benedetti no colo, a ver como xogan os nenos.