Avançar para o conteúdo principal

Colossus (XV)

Nai
tiña un cesto de vimbio
co que
apañar froita á caída do sol da tarde:

os carolos
que quedaban sáns do bicho
ou dos corvos-

as mazás,
no tempo das mazás-

as uvas, as cirolas, os pexegos, os caghotes do camiño
as peras de sanxoán, os tirabeques, as xudías, as bévoras.

E os figos,
en agosto.

Para eles, o ritual
era delicado:

sempre, unha folla de
xornal vello no fondo do cesto
porque así non se mazaban.

Depositabamos un e un
despois de apañalos

pelexando aguillón a aguillón cas nésporas.


Entón, o sacrificio:

abrir ao medio cos polgares
aquela carne tenra doce
era abrir no altar da palma

a entraña encarnada
do Sagrado Corazón.


Nai
tiña un cesto feito de vimbio
co que apañabamos a froita
e as flores de Defuntos,

cada unha no seu tempo.

A horta medraba-
a herba medraba-

E as árbores.

E a súa sombra
cara ó inverno.




Comentários

Mensagens populares deste blogue

Penso e penso e penso, e por máis que o faga, non atopo ningunha boa razón pola que escribir. O certo é que quizais tanto tén, non creo que teña un gran talento, nin tan sequera un talento, nin "un". Que rabia dá cando comezan a caer os mitos.

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva!