Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

A mostrar mensagens de novembro, 2014

Estrume

Eses días nos que o monstro sae á superficie e enlixa todo arredor.  Eses días nos que teño medo de min, do que son en realidade. Eses días de soidade e desconsolo infinitos, como pozos de estrume. Como lumieiro e vertedoiro, como crematorio e cheminea.  Eses días nos que a colleita se bota a perder. Eses días nos que tomo conciencia do meu verdadeiro lugar en todo isto, e a desesperación me fende dende o peito ata a vulva, abríndome en canal, dando as miñas vísceras ás alimañas. Eses días, non todos, como recordatorios inmisericordes de mediocridade e ruína.  Ven salvarme de min. Turra do meu corpo e afástame da miña escuridade. Sáname.

Sybilla

Era certo o que lin nas cartas. Había unha sombra pairando, gume e veleno, sobre a luz dos días. Sybilla, se clemente na túa profecía , pedín, pero non me escoitaches. Trencei o cabelo de flores púrpuras. Qué me queda agora, se xa non teño veas para este sangue - para esta certeza terrible - para conter os versos - este abismo?

Entre todas as costuras

Estabas aí todo o tempo. Estabas agochadiño caracol manso pequena fera nun recunchiño da luz dos días. Arroláchesme no teu aroma flor salvaxe e suave, estabas aí. Agardando. E, sen querer, entre todas as costuras e os guizos e a cinsa, percorréndome as veas en silenzo atopeite.

A luz dos días de Novembro

Xa non importa o gris,  nin a brevidade da luz dos días de Novembro,  nin a dor e as horas pasadas en branco e todo ese vacío que hai antes das túas mans. Xa non hai inverno .

Colossus (V)

A miña nai non morreu a miña nai non morreu lévoa dentro do meu útero agochada dentro do meu útero como un punto pequeniño como un punto pequeniño que aperto con forza apértoo con moita forza moitísima co dedo cun dedo só e concentro así nel nun puntiño pequeno a dor toda a dor toda do mundo toda a dor posible.

Un anaco de chocolate

O furtivo posúe esa fascinación do emocionante, do prohibido, do delicioso. Como comer un anaco de chocolate ás agachadas.