Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

A mostrar mensagens de dezembro, 2012

Feudo de cariño

Permitirme uns días ó ano para as nostalxias. Deixar que todo iso que se acumula no bolso en cada nova estación se organice e se amotine contra min e me arrase. Abrir a caixa de galletas en que gardo os anaquiños machucados do meu corazón e armarme de paciencia. Repasar un por un, confortalos e acomodalos de novo no seu especial feudo de cariño. Todas as sombras que habitan os recunchos da casa adquiren de novo gusto e tacto e olor e son e veñen ó meu encontro e falan comigo sobre como me vai todo, que ben que te sintas mellor , estás a gusto no traballo?, que vas facer hoxe? , e sorpréndenme cos xestos e acentos que os seus donos corpóreos habituaban ter. Dígolles: canto te estraño..., quedas a durmir?, non marches aínda...   Asinten, bisban un "sempre" mainiño e permanecen. Todas elas teñen un espazo na miña vida tan importante como os que quedan en pé aínda. E necesito dos seus azos e aloumiños tanto ou máis que antes... Será entón, cando eu tamén sombra, que...

Levantarme en armas

O tempo que se para e a chuvia lenta. Aquí afóra, a palabra que acariña o verso e as miñas cóstas núas no devalo lento das horas e morde con violencia o interior dos meus ollos e sabe a café e a frío e a alento e a horizonte e a azul           e a salitre e a morte e a distancia e a sede e a desgana e a todo o contrario e que recorre o corpo todo como a dor primixénea e exacta da perda e do labirinto e me abre as pernas e a boca e o ventre e me envolve e me penetra e me incendia e me posúe e me abandona ata desangrarme: é a túa palabra, coa que chegas a min cada mañá e que fai que fogar sexa unha circunstancia sen lugar específico e que os teus beixos salven, santuario e refuxio, e me dean azos e ás novas para poder levantarme cada novo día en armas. Man Ray_