Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte. É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben. Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora. E que morra o conto . Viva!
Comentários
Para min, as túas verbas teñen beleza. E talento. Pero, quen son eu, senon unha visitante neste teu planeta cibernáutico?
Unha aperta!
Entras polas miñas fiestras abertas e traes aromas novos, ou que fun esquecendo devagariño.
Sempre é bo tomar alento. E niso ando. Romper a crisálida nunca resulta fácil, por moito que desexemos a metamorfose destas ás novas que queren voar antes de espreguizarse.
Xa fluirán as palabras. De momento, quero ser egoísta e gardalas para min.
De momento, o mundo fóra non importa tanto como o mundo que vai tomando forma dentro.
Todo flúe.
Unha aperta multiplicada por tres.