Avançar para o conteúdo principal

Mensagens

A mostrar mensagens de novembro, 2007

La Columna Rota--Frida Kahlo

Novembro

Aínda gardo o loito. E non deixo curar as feridas abertas. Non quero. Ás veces intento chorar ata murchar por completo e converter estes ollos opacos en sombra. Pero non podo. Serán os malditos antidepresivos. Só sei que quero berrar esta dor toda desangrándoa e durmir e non ter que dicir nin palabra se algunha vez me cruzo contigo, quen sabe, a casualidade é cruel e antolladiza. Que terrible ano. Terrible Novembro.

A Filla da Mandrágora

Foron os días nos que chegou a chuvia. Non había quen soubese o segredo silencioso do meu nacemento subterráneo nun útero quente de terra esterco e barro que se esgazou como cando se fende cun coitelo o ventre encarnado dunha sandía. ( no momento preciso ) Nos días nos que chegou a chuvia martelante. A incesante chuvia. Foi ela quen me deu o pulso arrítmico nas veas aéreas estarrecidas como un calafrío de espanto a sensación de abaixo e arriba a visión do ceo aberto o concerto de silencio do meu silabario mudo. O útero deu forma ós meus membros quentes e ásperos nos días da chuvia ( foron os días en que eu nacín ) botándome á vida sen armas e sen coiraza e sen beberaxes: e era eu, a filla da mandrágora . [Do poemario "A Filla da Mandrágora" , Neves Soutelo (en proceso de edición)]

Herbicidas e outros asasinatos

Poñámonos en situación: Sábado á tardiña, despois dun día Pin&Pon granjeros, chea de merdiña ata as orellas despois de segar herba, apañar mazás e castañas, cortar leña, facer lume, xogar cos cans e cos furóns, sacar a pasear ós patos, apañar follas secas, correr na cinta media hora... Eu que sei... Evidentemente, tócame unha ducha. Saio da ducha, co pixama posto e o pelo revolto e mollado. Entón, a nai, que é nai por algo, dí: Cepilla ben ese pelo. Tanto como cho coidaba cando eras pequena...,tantos coidados, champús, herbicidas.... HERBICIDAS!!!! De súpeto, todo tén sentido. Agora xa entendo eso de que se un non se asea a cotío, nácenlle cebolas. Que sorte de nai a miña, que xa prevía iso. E os piollos. Para que vexades...
Penso e penso e penso, e por máis que o faga, non atopo ningunha boa razón pola que escribir. O certo é que quizais tanto tén, non creo que teña un gran talento, nin tan sequera un talento, nin "un". Que rabia dá cando comezan a caer os mitos.