Unha maldición habita con nós a casa e corre como pólvora acesa os cuartos atravesa as portas e os corredores traspasando a nácara e os espellos. Está maldita e, para nós, esa é a desgraza do sangue que se extingue a impureza no centro mesmo do lume os armarios cheos e abertos da roupa e a couza e os olores familiares. A casa vaise consumindo e poboa de sombra e pedras as fotografías as cartas atlánticas os botes dourados dos mirabeles o cepillo do pelo sobre a cómoda as cicatrices e as suturas a fenda en equilibrio e os hilváns o silencio forzado e os libros. Está maldita e, no seu desorde, a caída chega cada día para rabuñarnos e a luz da tarde brilla un intre só na louza nicada no alzadeiro na pequena cafeteira de porcelana encarnada sobre a mesa posta aínda no finísimo fío de sangue que mana entre os dentes. E hai un murmurio que vai medrando e revolve a herba e corre en círculos entre o centeo verde ata deitalo como un mar...
Es gibt kein Haben, nur ein Sein, nur ein nach letztem Atem, nach Ersticken verlangendes Sein. [F. Kafka] Non existe o Ter, senon o Ser, un só Ser esixente ata o último alento, ata o afogo [F.Kafka]