Avançar para o conteúdo principal

O principio

Simultáneo kilt e radiografía quebrada...

Abrir un dos cadernos que uso como diario e ler os primeiros versos de todo isto. Remexerme con certa incomodidade no asento, e pensar en qué podería cambiar todo de non ser escritos, de non escribir, de non terme atrevido a facelo, de ficar calada e inmóbil e deixar pasar a oportunidade dun café sinxelo e sobrio, dun corto de cervexa, dun viño de Porto.

Dun filme, dun paseo, dunha conversa, dunha tarde deitados ao sol na herba, dunha lectura e un cigarro compartidos.

De todo o que veu despois.

A memoria condénsase apenas nunha pelotiña pequena e pesada,
para que eu poida apertala dentro do meu puño.
Para que poida percorrela sen medo
e facela rodar.










Comentários

Mensagens populares deste blogue

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva! 

Bonito

Hoxe non é un día bonito. Nin o quere ser. Malia que vai sol, que vai frío, que merquei un vestido de punto gris nas rebaixas. Hoxe non me apetece nada. Non recibo as novas que quero, ou que estraño, e non podo seguir. Hoxe só me apetece meterme na cama e durmir. Agochar a cabeza dos monstros entre os lenzos e o nórdico e pecha-los ollos forte forte para non terlles medo. Hoxe non é un día tan bonito como parece dende fóra dos meus ollos pero sentareime nun banco a comer pipas, con algún poemario de Benedetti no colo, a ver como xogan os nenos.