Avançar para o conteúdo principal

When the truth is I miss you so...

Agarro con forza a miña cunca de rooibos quentiña neste día de outono terrible (canto os estrañaba sen sabelo...).

As mans e a punta do meu nariz están tan frías que xa case non as sinto. Parece que quixera converterme no meu nome. Pero aínda me queda o teu calor nos lenzos. Arremuiñarei os cabelos longos ao redor do meu corpo como un abrazo teu.

Deixarei a luz acesa por se chegas tarde.

Esperarei.

Poderás espertarme aínda que estea pálida e fría, calada, silandeira como as sombras na parede do cuarto, na noite, como se estivese morta?






Comentários

Anónimo disse…
Parece que o outono queda cada vez máis pequeno. Ou será que o inverno quere entrar coma un elefante nunha cacharrería. Saúdos.

Mensagens populares deste blogue

Antes

Houbo un tempo, moi ao comezo de todo. Soía subir unha entrada a este blog a diario, ou case. Soía ter quen me lera. Soía ser un pouco máis salvaxe e divertida. Soía ser máis nova, como di Miley Cyrus na súa canción.  Pero pasou o tempo, a vida comezou a tornarse máis adulta, máis agobiante e aburrida. Máis de declaración da renda, de taxas da auga e do lixo. Máis de afogo. Da fugacidade voraz do calendario.Da friaxe. De mirar ben as ofertas do súper e de menos xenebra. Eu convertínme, pouco a pouco, nunha persoa máis vella, máis agobiada, máis frustrada. Monótona. Aburrida. Todas as promesas foron mudando noutra cousa, pesada e gris, e en caixas e caixas de pequenas pílulas brancas. Se as colocase unha detrás doutra en ringleira, é pouco probable que deran a volta completa á Terra. Pero si poderían encher, alomenos, un cuarto da miña casa. Non un demasiado grande, non un dos máis pequenos. Do chan ao teito. Caerían -como o chorro esvaradío de grao ao retirar a portela dun silo, co...

Fraseoloxía fútil

Odio as frases feitas e esa falsa condescencia que toma a apariencia de consello ben intencionado e de preocupación real polo benestar do outro. É(che) o que hai. Dálle tempo. Só tés que relaxarte.  É cuestión de mentalizarse. Non tomes todo tan a peito. Dígocho polo teu ben.  Non hai mal que cen anos dure. A lista medra cada día, cada mes, ano tras ano. Na xusta medida proporcional na que a miña paciencia e o meu estómago minguan. Será isto a madurez? Quedaría polo camiño, ulindo as flores, como unha sorte de Peter Pan? Sabes que? Vou tomar todo con moita calma, relaxarme, mentalizarme, soltar as mans, abrir ben o peito para que non tome nada máis que o necesario e asumir que toda a condescendencia da fraseoloxía fútil se evapora.   E que morra o conto .  Viva!