Avançar para o conteúdo principal

Trincheira


Coñeces moitos corpos
de muller / ningún
tan cálido como o meu
estou case segura


Os lenzos do teu leito
quedan, despois de min, cheos de aromas
de níspero maduro e de cereixa/tamén
o ceo da miña boca
o teu alento na miña caluga


Os meus beizos
prenderon nun arame de
espiño / sangraron
todos os beijos posibles
bágoa sonámbula sobre un fío de cor amarelo
que xa non sei / xa
non me abandona


na noite perfumada
trincheira
fiestra acribillada do recordo
que sempre diverxe do camiño trazado
nun plan case perfecto

que / coma
tí / nunca
fica

Comentários

d´Agolada disse…
Moi bonito. Unha aperta
Cuspedepita disse…
Fai unha trincheira de caras amigas e de agarimos, que non se poida traspasar. Deixa lonxe da túa pel o arame de espiño e a bágoa.
Unknown disse…
Este arame de espiño está cheo de caricias ás que non penso renunciar. O problema non é el, o problema reside na miña forma de sentir o amor, desta forma tan tráxica e tan salvaxe á vez.

E as bágoas ás veces tamén son de ledicia, lavan a nosa pena, e lévana lonxe.

Grazas polo teu agarimo infinito, CuspedePita.
Grazas.
Como será que os poetas amosades unha magna fecundidade entre bágoas e espiños?

Beijinhos marelos
busto.agolada disse…
Fermosos versos como fermoso é o amor cando se vive tan intensamente como deixan ver as túas verbas.
Espero que algún día converxa no camiño por ti trazado.
Unha aperta.
Unknown disse…
OS poetas precisamos desa magna fecundidade que dís, Chousa, entre bágoas e espiños para non padecer unha constante crise existencial e emocional que nos leve ao suicidio :)

Así, as palabras recollen os sentimentos, o papel recolle as palabras, secan as bágoas, e a dor vaise disipando como unha leve néboa, como unha caricia de brisa de mar.

Por iso somos fecundos os poetas.
Para aliviar a nosa pena e a dos demais a través dos versos.

Grazas tamén, Busto. Que os deuses escoiten as túas verbas. :)

Beijos mil
Nuevo Ícaro disse…
Polo menos quedan os recordos, que na miña modesta opinión pareceme que foron gratos, os camiños non diverxen xa foron trazados hai moitos anos,quizais cando nacemos, non sei... De todas formas maravillosa lectura para unha primeira visita.
Unknown disse…
Grazas pola túa visita, Nuevo Ícaro. Pasa e deixa parte da túa alegría no meu fogar.